O alto tribunal deixa sen efecto a sentencia do Xulgado do Social de Ourense por entender que na resolución xudicial o maxistrado excedeuse nas súas funcións.

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de ditar a sentencia que da a razón á Deputación de Ourense no acordo do traspaso de traballadores do servizo de recollida de lixo á que será a futura sociedade de economía mixta que se creará para a xestión dos residuos sólidos urbanos na provincia de Ourense, sociedade da que os traballadores deste servizo pasarían a depender tendo como garantía que todos manterían o seu posto de traballo, ben na empresa ou, de darse o caso, na Deputación ou nos concellos, e tamén se lles garanten as condicións de traballo recollida no convenio que se lles aplica, segundo o acordo acadado no seu día entre a Deputación e o comité de empresa.

O fallo do alto tribunal sinala que se deixa sen efecto a sentencia do Xulgado do Social nº4 de Ourense de data 24 de outubro de 2014 por entender que na resolución xudicial o maxistrado excedeuse nas súas funcións resolvendo sobre cuestións que non foron plantexadas polas partes. Desta maneira, o TSXG estima o recurso interposto pola Deputación de Ourense, “ao obxecto de que con plena liberdade de criterio se dite unha nova resolución que subsane as deficiencias”.

Ditas deficiencias refírense a que, segundo o TSXG, na sentencia do Xulgado do Social “incorreuse nunha incongruencia por exceso” por entender “que o xulgador resolve sobre algo que non se lle había plantexado, excedéndose das súas funcións”. Engade o alto tribunal que “é preciso que o maxistrado de instancia resolva a cuestión cinguíndose estritamente ao obxecto de debate”.