O edil acusounos no pleno de onte de facer “demandas demagóxicas” que non se poden atender dende o Concello.

 

Tralo enfrontamento vivido no pleno do Concello, celebrado este 29 de xullo, entre membro do colectivo Stop desafiuzamentos Ourense e o líder de Democracia Ourensana, Gonzalo Jácome, dende esta agrupación quixeron manifestar o seu malestar pola “falta de respecto de tivo coas familias e persoas que forman este colectivo, tachando de demagóxicas demandas tan básicas como garantir suministros de auga e luz de familias, que por falla de recursos non poden pagalas, ou que mulleres vítimas de violencia de xénero se vexan sempre na rúa cos seus fillos sen que as administracións sexan capaces de ofrecerlles unha vivenda estable e acorde coa súa situación económica nunha cidade onde hai 15.000 vivendas valeiras”, denuncian. Por iso, son críticos co “ton megalómano e despectivo” de Gonzalo Jácome na súa intervención.

Tamén quixeron destacar que “Gonzalo Jacome, a usanza do neoliberalismo máis salvaxe, mantén todo o rigor cos máis febles mentres cala ou se esconde dicindo que non se pode facer ren dende o Concello mentres se destinan os recursos públicos a sanear bancos quebrados por corruptelas”. Ademais, califican de “indignante que un representante público ataque aos máis febles, mofándose das súas necesidades”.

Así mesmo, lembran que Stop desafiuzamentos é un colectivo apartidista que loita por facer efectivo un dereito fundamental recollido no artigo 47 da Constitución Española como é o dereito a vivenda. “Por non permitilo o regulamento de participación cidadá do concello de Ourense, a moción de vivenda presentouna unha formación política sensible coas demandas de Stop desafiuzamentos, nesta ocasión foi Ourense en Común e no seu momento o BNG”, descaron.