A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, visitaron este venres un inmoble edificio sito na rúa Barreira, esquina con rúa das Burgas, para avalialo para o establecemento dun albergue de peregrinos.
O obxectivo é realizar un estudio das posibilidades do inmoble que permita definir con precisión a capacidade de aloxamento e instalacións para ser o futuro novo albergue do concello de Ourense, situado nunha zona estratéxica da cidade, no marco do casco vello, entre as Burgas e a propia Praza Maior.
A Rede Pública de Albergues contaría, así, cun novo establecemento no centro da cidade de Ourense que enriquecerá a oferta do Camiño de Santiago, mellorará a capacidade de acollida aos peregrinos da cidade ourensá e reforzará a infraestrutura da Vía da Prata. En total, a Rede Pública de Albergues ofrece máis de 3.200 prazas nos 70 albergues que a compoñen, nove deles na provincia de Ourense.
Nava Castro destacou que no que vai deste ano 2015 un total de 5.666 peregrinos elixiron a Vía da Prata para chegar a Compostela.
Mellora das zonas termais
Paralelamente, Concello e Xunta avanzan na excecución de novos proxectos de mellora das zonas termais da cidade. Con esta finalidade, traballan na próxima sinatura dun convenio de colaboración que permita acometer proxectos por importe de 150.000 euros, centrados na mellora de infraestruturas turísticas termais e a promoción e sinalización turística.
Os proxectos que se prevén incluír no convenio son a instalación de iluminación pública na Fonte do Tinteiro, a instalación dun sistema de arrefriamento de auga termal nas Termas de Outariz e Burga de Canedo, a reposición do alumeado no paseo termal na zona do Xardín das Esencias, a instalación de paneis con información dos recursos turísticos máis importantes en lugares estratéxicos e a instalación de pantallas dixitais con tecnoloxía interactiva multimedia, entre outros.
A posta en valor das zonas termais será tamén o obxectivo da nova Escola Obradoiro que porán en marcha a Xunta de Galicia e o Concello, e que comezará a traballar a semana próxima.