As festas patronais desta parroquia de Barbadás, os días 8, 9 e 10 de agosto, tentan mesturar tradición e modernidade para abranguer unha ampla variedade de público.

San Lourenzo de Piñor, Barbadás, celebra a próxima fin de semana as súas festas patronais cun programa que combina tradición e modernidade e no que destacan os concertos de Sés e A Roda.

Unha mostra da aposta pola combinación de estilos está reflexada na apertura dos festexos coa presenza polas rúas do pobo de tres charangas o día 8 de agosto. Este pasarrúas comezará ás 19 horas do sábado e estará amenizado polas charangas BCB, XL e Fuego.

Tamén na liña da festa enxebre será a queimada popular oficiada polo Gran Bruxo da Costa da Morte, que estará acompañado polas charangas.

O colofón da festa para os amantes do máis puro estilo rockeiro será a partir das 00:30 da noite, coa actuación de María Xosé Silvar, Sés, intérprete con formación no baile e na música tradicional galega que xa ten gravado tres discos.

Ao remate do concertó de Sés actuará o grupo ourensán Gin Toni’s.

Na xornada do domingo, haberá concerto do tradicional grupo A Roda partir das 21:30 horas.

O público infantil tamén terá o seu espazo nas festas do San Lourenzo. O día 9 a partir das 18 horas haberá no Campo de Roma xogos para os cativos.

O día 10 retómase o sentido tradicional das festas co partido de solteiros e casados no campo da Chaira. Pola noite amenizarán os festexos a orquestra Costa Dorada e Grupo América.