O concelleiro de Sanidade entrevistouse coa xerente do CHUO para reclamar o incremento das horas de prestación do servizo de enfermaría e atención médica no ambulatorio ubicado en Barbadás.
Segundo indica nun comunicado o goberno de Barbadás, nestes momentos o médico atende catro horas -de 9:00 a 13:00 horas- e a enfermeira só unha, de 8:00 a 9:00 horas. O tempo que o persoal de enfermeiría está no centro de saúde de Barbadás deixa de atender aos pacientes da Valenzá «o que supón un prexuizo para as veciñas-os tendo en conta a saturación que hai neste centro». Ademais, e como apunta o edil de Sanidade, Sarín Núñez, «o normal sería que coincidiran os horarios de médico e enfermeira dado que si se pide algunha proba urxente as-os pacientes teñen que volver ao día seguinte».
O grupo de goberno reinvindica que no centro de saúde de Barbadás se garantan servizos de calidade e isto so se acadará no momento en que a atención sanitaria estea cuberta nas mesmas condicións que se ofertan na Valenzá.
Agora o médico de Barbadás asume 555 tarxetas o que segundo a xerente de Atención Primaria, Eloína Núñez, non é suficiente para adxudicar unha xornada completa. Porén, o responsábel de sanidade de Barbadás, Sarín Núñez, advirte que «moita xente pediu o traslado para o centro da Valenzá porque o horario de atención era máis amplo, no de Barbadás non se pode solicitar cita previa, reducíuse o servizo de transporte dende as parroquias a un só día a semana e tamén porque había certo medo a que o centro de Barbadás pechara».