O festival ourensán inaugura o Dub Corner, un espazo pensado para amantes do reggae polo que pasarán, entre outros, George Palmer e Crespo.

Como nas edicións anteriores, o Festival Reperkusión 2015 será moito máis que unha serie de concertos de noite no escenario principal, xa que terá programación ao longo de todo o día con numerosas actividades de acceso libre e gratuito, abertas a públicos diversos: obradoiros, pasarrúas, mercadiño, actuacións, unha nova edición da Empolada, unha zona nova centrada no reggae e outras sorpresas que se desvelarán nas próximas semanas.

Todo isto terá lugar os días do festival, o 11 e 12 de setembro, en diferentes espazos da Cidade dos Muchachos de Bemposta, nunha edición na que se inaugura o Dub Corner, un novo espazo pensado e deseñado para amantes do reggae. Contará cun equipo de son artesanal ao estilo tradicional xamaicano, atractivo pola súa gran potencia e calidade. Por el pasarán dj’s especialistas nos ritmos máis animados e emblemáticos de Xamaica, dende o Steppa ou o Digital, ata o Dnb, o Jungle e o Dancehall, apostando sempre por unha selección de vinilos en cada sesión.

Este espazo ofrecerá tamén actuacións en directo. Abrirá o venres as 19 horas con George Palmer. Directamente dende Donostia (Euskadi), réndelle homenaxe aos sistemas de son xamaicanos de mediados dos 80 e á escena dub británica. O sábado á mesma hora será a quenda do galego Crespo, integrante da unión de músicos La Utopía del Norte.

A Empolada
Tras o éxito do ano pasado, o Reperkusión repetirá a Empolada, na que haberá unha refrescante batalla para a cal a organización porá a disposición dos participantes máis de 10.000 globos de auga. Unha vez empapados, os participantes continuarán a guerra con 500 quilos de fariña. E despois pasearán ata o curral, onde serán rociados con confeti de plumas. O público elixirá entre os participantes o Rei Polo e a Raíña Pola. Ambos recibirán un Bono Pandilla, para acudir xunto co seu séquito ao Reperkusión 2016.

Circo, a risa e a música
Ao igual que na pasada edición, a carpa concentrará os obradoiros e o resto de concertos de día.
O sábado pola mañá volverán ao Reperkusión os obradoiros de circo e malabares dirixidos a nenos e adultos, para aprender a manexar o monociclo, as bolas e as mazas. Ademais, haberá sesión de risoterapia, o ioga da risa, con Eva Pilarte, co fin de que os participantes se beneficien do poder curativo da risa.

No apartado musical pasarán por este espazo La Patxaranga (o venres) ou os ourensáns Maskarpone (o sábado). Ademais, o sábado terá lugar a sesión vermú a cargo da banda de Ourense Menage a Trois.

Entradas á venda
Polo escenario principal do festival pasarán os británicos Asian Dub Foundation Sound System, os latinoamericanos Che Sudaka, os bosnios Dubioza Kolektiv, os galegos Dakidarría e Chotokoeu e os españois Trashtucada, TranceUntes e La trocamba Matanusca.

As entradas para estas actuacións pódense adquirir a través da web www.reperkusion.com ou nos seguintes puntos de venda físicos: Café Cultural Auriense, Saborido Charcutería, Café Faíscas e Peggy Records, en Ourense; así como noutros locais de toda a comunidade como son Fandiño Tapas (Allariz), Feito Praza (Xinzo), Bule Bule (Praza de Millán Astray, A Coruña), A Reixa Tenda (Santiago), Don Disco (Lugo), Tenda Tipo (Vigo) e Lusco e fusco (Pontevedra).

Ata o 12 de agosto hai unha oferta especial de 15 euros máis gastos de xestión para o abono de dous días ou 20 euros se é con acceso á zona de acampada. A partir desta data o prezo do abono de dous días será de 20 ou 25 euros con acampada. A entrada para un só día custará 15.