Ourense en Común é o único grupo municipal que apoiou a proposta de participación da Federación de Asociacións de Veciñas Ourense Limiar na Xunta de Área de promoción económica, comercio e emprego.

A proposta de Limiar para participar nas Xuntas de Área de promoción económica, comercio e emprego, caeu en saco roto. Só o representante de Ourense en Común, Miguel Doval, defendeu a proposta de participación da Federación de Asociacións de Veciños; tanto PP, como DO e PSOE rexeitaron a participación cidadá nesta xunta de área, o que a xuízo da «marea» ourensá «supón unha clara aposta por afastar a veciñanza dos órganos e institucións municipais de decisión política».

Ourense en Común asegura nun comunicado que «mantén firme o seu compromiso de loitar por un modelo de xestión municipal no que a veciñanza participe na toma de decisións políticas» e defende na súa actividade institucional «a instauración do principio democrático que esixe a participación igualitaria na toma de decisións políticas de todos aqueles afectados por tales decisións». Nese sentido, entenden que a proposta de Limiar suporía «un paso adiante neste desenvolvemento participativo da democracia e do recoñecemento efectivo da cidadanía como axente político activo na toma de decisións políticas».