O Museo-Obradoiro de Olería de Xunqueira de Espadanedo acolle demostracións e venda de pezas de dez artesáns dos diferentes centros oleiros de Galicia e de Portugal.

 

A xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, inaugurou o II Encontro de Cacharreiros en Niñodaguia, organizado pola Consellería de Economía e Industria co obxectivo de poñer en valor o oficio da olería tradicional galega, e achegalo á sociedade.

Fabeiro salientou que este encontro, que se desenvolverá o domingo no Museo-Obradoiro da Olería do concello ourensán de Xunqueira de Espadanedo, celébrase por segundo ano consecutivo como impulso a un dos oficios artesanais que forma parte do patrimonio cultural galego.

O evento, que se desenvolverá en horario de 11 a 21 horas, acolle demostracións e venda de pezas de cinco artesáns representantes dos diferentes centros oleiros existentes na actualidade en Galicia, dous oleiros de Tondela (Portugal), e demostracións de tres ceramistas galegos.

Os participantes neste II Encontro de Cacharreiros son Agustín Vázquez e Enrique Cabana representando ao centro oleiro de Niñodaguia (Ourense); Elías González do centro oleiro de Gundivós (Lugo); Josefa Lombao do centro oleiro de Bonxe (Lugo); José Antonio Añón do centro oleiro de Buño (A Coruña); Xana Monteiro e Carlos Lima como representantes da olería portuguesa (Tondela, Portugal); e os ceramistas Antón Román (Gondomar), Susana González (A Coruña) e Carlos San Claudio (Vigo) que farán demostracións da técnica de rakú.

A posta en marcha desta iniciativa forma parte da estratexia integral de impulso ao sector artesanal que desenvolve a Consellería de Economía e Industria, que vén de poñer en marcha o primeiro Plan de Artesanía de Galicia co obxectivo de conseguir un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, e que inclúe iniciativas en diferentes ámbitos para a posta en valor do sector e dos diferentes oficios artesanais de Galicia.