Nesta edición presentáronse 126 traballos dos centros de ensino galegos.
O certame OUFF Escola do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) acada este ano o seu récord de participación, ao recibir un total de 126 películas realizadas por estudantes de lingua galega. As películas proceden das catro provincias da nosa comunidade autónoma sendo a máis activa a da Coruña. O número total de participantes implicados na realización das creacións audiovisuais achégase este ano a 2.320, entre os que destacan os de categoría de Ensino Secundario: o dobre dos que se presentaron en Primaria.
O prazo de entrega de traballos rematou o 30 de xuño e a partir de agora as creacións audiovisuais serán valoradas por un xurado que, segundo as bases do certame, será designado de seguido para dilucidar os gañadores dos premios. Os seus nomes faranse públicos no marco do 20º OUFF, que se desenvolverá do día 14 ao 22 de novembro, cando lles serán entregados os premios.
‘OUFF Escola’ está convocado pola Concellería de Cultura, Normalización Lingüística e Festival de Cine do Concello de Ourense, xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia no marco do 20º OUFF, e ten como obxectivo impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade, coñecer a visión desta sobre a súa contorna sociocultural e fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo. Pretende, tamén, potenciar o uso das tecnoloxías da información e da comunicación nos centros de ensino e crear un espazo de referencia para a mostra do audiovisual feito nas aulas. Esta iniciativa encádrase como ferramenta dentro da Directiva Europea de Alfabetización Mediática, que procura darlle formación á mocidade sobre o coñecemento e a avaliación do audiovisual.
O certame repartirá un total de 2.600 euros en premios. As bases establecen dúas categorías: unha conxunta de Infantil e Primaria e unha segunda para outros niveis de ensino non universitario (agás as Escolas Oficiais de Imaxe e Son). En cada unha das dúas categorías, o OUFF Escola entregará un primeiro premio de 600 euros para o centro, un segundo premio de 400 euros, e o Premio Blanco Amor ao Mellor Guión, dotado con 300 euros.