Consensuarán unha carta para remitir ao secretario de Estado de Cultura para amosar o “malestar” da cidade polo baixa partida consignada nos Orzamentos do Estado para 2016 para a rehabilitación do Museo Arqueolóxico.

 

A xunta de voceiros deste venres sobre o Museo Arqueolóxico rematou co acordo de todos os grupos políticos de remitir un escrito ao secretario de Estado de Cultura no que amosar o “malestar” da cidade pola escasa consignación orzamentaria para esta infraestrutura nos Orzamentos do Estado para 2016. A misiva será remitida tamén aos grupos parlamentarios de PP, PSdeG-PSOE e BNG no Congreso dos Deputados para que apoien as demandas de Ourense.

Con todo, algúns dos voceiros da oposición amosaron certas reticencias sobre a utilidade desta carta. Así, Gonzalo Pérez Jácome, de Democracia Ourensana, apuntou a que pode ser “una cortina de humo para, poniendo como parapeto el Museo Arqueológico, dar por buenas todas las demás partidas”, así que agardara a coñecer o borrador para dar o seu apoio.

Para Miguel Doval, de Ourense en Común, “o feito de que fagamos unha carta conxunta metendo un pouco de presión está ben, non fai daño ningún, podemos aceptalo”. O político da “marea” considera que “habería que poñerse as pilas” para abrir este museo “xa”, logo de tantos anos pechado (desde 2012).

Nesa liña, o socialista José María García Tejerina recordou que só están consignados ata 2017 7,2 millóns de euros dos 9 millóns que conforman o proxecto de reforma do Museo Arqueolóxico (para 2016 só 100.000 euros), polo que estima que “antes del año 2020 no estará ejecutado el total”. “Quiere decir que pasarían 18 años para que el Museo Arqueológico estuviese abierto al público. De verdad que es una tomadura de pelo”, valoraba.

Tejerina amosaba o seu acordo en facer “un frente común, porque nada tenemos que perder”, e agardará a ver o sentido no que está redactado a carta para apoiala.

Pola súa banda, o voceiro do grupo de goberno, Pepe Araujo, agradeceu esta fronte común cos partidos da oposición e salientou que o Museo Arqueolóxico é unha necesidade “para o desenvolvemento cultural e turístico da cidade”, que recibe nos orzamentos do vindeiro ano unha partida “que consideramos insuficiente”. De aí a idea de remitir a misiva “para que en Madrid entendan que o Arqueolóxico para Ourense é unha prioridade”.