Estas actividades realizaranse dentro dos 54 locais veciñais existentes por toda a cidade, e terán lugar entre outubro e maio
A Concellería de Participación Cidadá realizará, a través das asociacións de veciños, 128 cursos de dinamización. Estas actividades realizaranse dentro dos 54 locais veciñais existentes por toda a cidade, e terán lugar entre os meses de outubro de 2015 e maio de 2016. Manualidades, obradoiros de memoria e zumba, por esta orde, son os máis solicitados na concellería que dirixe Belén Iglesias, aínda que tamén haberá cursos de baile, risoterapia, encaixe de bolillos, cociña, teatro, costura, informática ou bailes latinos, entre outros.
“Desde Participación Cidadá estamos a realizar diferentes actuacións, pero queremos que sexan cada día máis”, afirma a concelleira, destacando que se incrementan en 5 os cursos respecto do ano pasado. “O noso obxetivo é o de facer máis viva e real a participación dos ourensáns na definición de cidade que queremos”, afirma.
As asociacións deberán entregar o listado dos cursos elixidos na rexistro do Concello de Ourense antes do xoves 8 de outubro de 2015. Cada materia constará de 40 horas repartidas en clases dunha hora e media. Para poderse inscribirse a eles só é necesario pertencer a unha asociación rexistrada no rexistro de entidades cidadáns de Ourense.
En palabras de Belén Iglesias, “a Concellería de Participación Cidadá ten como obxectivo primordial que os ourensáns e involucren nos asuntos e na vida colectiva da cidade. Por iso, desde este servizo entendemos que é preciso avanzar na democracia participativa rompendo a brecha entre administrados e administradores”.
Neste eido, destacan as actuacións de información, asesoramento e ferramentas para o desenvolvemento de proxectos de participación social, as andainas veciñais, charlas e relatorios de interese, actividades moitas delas que son precisamente propostas en diferentes reunións que mantén a Concellería cos axentes sociais.
Nos vindeiros días subirase á páxina web da concellería de Participación Cidadá a relación dos cursos, así como os formularios para anotarse.