Ademais de degustacións no campo de Vilanova, haberá deporte e animación musical.
Allariz celebra, esta próxima fin de semana, unha nova edición da Festa da Empanada.
O programa ábrese o sábado 22 co tradicional campionato de billarda no Campo da Barreira. Pola tarde, ás 18:30h, disputarase a proba do triatlón, seguindo a programación da festa ás 21:00 h. cun concerto da Banda Unión Musical de Allariz no Festival de Xardíns de Allariz e ás 24:00h. haberá verbena coa charanga Fuego, na Alameda.
Xa o domingo, ás 11:00h. haberá pasarrúas coa banda de música de Caldas de Reis e á mesma hora na Alameda comezará a regata de piragüismo. Tamén ás 11:00 dará comezo a Festa Campestre no campo de Vilanova, cos postos onde degustar e mercar empanada de todo tipo de ingredientes durante todo o día. Ás 12:00h terá lugar o desfile de xigantes e cabezudos que irán acompañados polo grupo de gaitas De Pé feito e ás 13:00h o concerto da banda de Caldas de Reis no Campo de Vilanova, que repetirá ás 20:00h. Pola tarde, ás 19:00h, actuará o Trío Vaamonde Lama de Romero e pecharase o día coa verbena coa orquesta Panamá.