Rosa Quintana no CRDO Valdeorras

A Xunta destina 8 millóns de euros a axudas para elaboración e comercialización de produtos vitícolas no período 2015-2018.

Así o sinalou a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, durante a súa visita a dúas cooperativas vitícolas pertencentes á Denominación de Orixe Valdeorras e á sede deste Consello Regulador.

Estas subvencións van dirixidas a operacións de elaboración, control de calidade e comercialización en puntos de venda directa na adega e fóra dela, así como a plataformas para o desenvolvemento de comercio electrónico.

Rosa Quintana destacou o prestixio e recoñecemento dos viños galegos de calidade, á vez que manifestou o apoio do Goberno galego pola defensa do viñedo como eixo de futuro do sector primario de Galicia, especialmente agora que se está asentando como unha actividade plenamente profesional e non só de subsistencia ou apoio a outras rendas. Un exemplo desta profesionalización, engadiu, é o turismo enolóxico, que nos últimos anos se asentou como unha opción perfecta para escapadas curtas aptas para todo tipo de público.

A conselleira resaltou que esta mellora no sector vitícola débese ao esforzo de viticultores e adegueiros, pero tamén á aposta da Xunta por apoiar a promoción dos produtos galegos de calidade, entre eles de xeito moi especial os viños. E nesta colaboración son importantes liñas de axudas como a citada anteriormente, posto que vai dirixida a procesos de elaboración, control de calidade e comercialización en puntos de venda directa na adega e fóra dela.

Precisamente as dúas adegas que visitou Rosa Quintana, Bodega Cooperativa Jesús Nazareno e Bodega Cooperativa Virxen das Viñas, foron receptoras destas axudas, que para este exercicio 2015 teñen un orzamento de 2,7 millóns de euros.

D.O. Valdeorras
As dúas sociedades cooperativas que foi visitar esta mañá a titular de Medio Rural e Mar están inscritas na denominación de orixe Valdeorras. O pasado ano, este selo de calidade facturou preto de 18 millóns de euros tras producir máis de 6,3 millóns de quilos de uvas e 3,3 millóns de litros de viño cualificado.

[Fotografía de Carlos Hervella]