O Concello de Ourense envía a Íñigo Méndez de Vigo e aos representantes de PP, PSOE e BNG no Congreso o escrito asinado por PP, PSOE e OUeC.
A carta sobre o Museo Arqueolóxico, asinada polo alcalde e polos voceiros de PP (Pepe Araujo), PSOE (José María García Tejerina) e OUeC (Ledicia Piñeiro) foi remitida este martes a Íñigo Méndez de Vigo, ministro de Educación, Cultura e Deporte. Tamén se enviou copia ao secretario de Estado de Cultura e aos voceiros de Cultura dos grupos parlamentarios popular, socialista e mixto (onde está integrada a deputada do BNG).
Nela indícase que o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense é unha “instalación cultural de singular importancia” que, ademais dun valor “científico e histórico”, actúa “como axente de dinamización sociocultural, turístico e económico da cidade”.
Na misiva recórdase que as tres función básicas que este centro debe cumplir “conservar, investigar e difundir” están paralizadas desde 2002, cando se anunciara a rehabilitación integral do edificio.
Co escrito trasmítese ao ministro de Cultura “o sentir” do Concello de Ourense, ratificado polos voceiros de tres dos catro grupos con representación. “A maioría da corporación considera que é necesario e urxente un cambio nas previsións económicas dos PGE para o próximo exercicio económico”, apuntan no texto, considerando “insuficiente e inexecutable” a partida reservada de cen mil euros para 2016. Recordan na carta que o investimento previsto para a rehabilitación do Arqueolóxico ascende a nove millóns de euros.
Na carta tamén se recorda que Ourense é un concello “cun marcado carácter cultural, capital da segunda provincia con maior número de patrimonio monumental de todo o Estado” polo que se entende que a “urxente rehabilitación” do museo “é unha necesidade esencial para o desenvolvemento cultural e económico do municipio e da propia provincia”.
Remata a carta rogando “en nome de Ourense que teñan en conta a petición que facemos constar con esta misiva e reconsideren a importancia de consolidar un maior apoio orzamentario a un proxecto clave”.