O local da asociación de veciños e veciñas de Palmés acolle ata o vindeiro 31 de agosto esta mostra.
«Non queimes o futuro» busca concienciar e divulgar ao público en xeral sobre a importancia dos nosos ecosistemas forestais e como protexelos contra os lumes e o abandono.
A exposición organizada por Amigos da Terra e conta coa colaboración e participación da asociación de veciños Palmés, a cal pódese visitar dende as 15 h ás 21 horas no local da asociación na estrada Trasalba nº 26.
Lembramos que, a finais do mes de xullo, a parroquia de Palmés víase afectada por un incendio forestal afectando a máis de 230 hectáreas. Formar, concienciar e divulgar ao conxunto da poboación da importancia da prevención de incendios e a importancia dos ecosistemas forestais e do que podemos facer cada un de nós para conservar o patrimonio natural, son parte dos obxectivos desta exposición «Non queimes o futuro».
«Non Queimes o Futuro» é unha exposición que está formada por un conxunto de 20 paneis de 1 por 0,70 metros. Os paneis, de atractivo deseño, sobre un fondo cor madeira e cunha concepción pedagóxica da información -foron elaborados pola A.S.P.G. (Asociación Socio-Pedagóxica Galega)-, presentan textos, fotos e gráficos.
A serie comeza coa incidencia do lume no desenvolvemento da humanidade e da agricultura, centrándose nos incendios forestais, reflicten sobre os factores que os condicionan, as causas estruturais e inmediatas, e o papel dos humanos como incendiarios (incendios intencionados e por neglixencias). Infórmanos, de seguido, dos valores do monte, sobre as políticas de aproveitamento forestal e de ordenamento dos montes e sobre o que perdemos nun incendio forestal.
A extinción dos lumes forestais e como axudar a evitalos asi como o valor da prevención e unha serie de medidas preventivas, de doada e imprescindible execución, completan a información que ofrecen os paneis.