A Xunta concédelle 121.500 euros, un 28,87% máis do que o ano pasado, a Asuntos Sociais para programas de inserción laboral de persoas de etnia xitana, inmigrantes e outros colectivos en risco de exclusión.

 

O Concello de Ourense reforzará este ano os programas de apoio a colectivos en risco de exclusión social. A área de Asuntos Sociais vén de acadar unha axuda por importe de 121.562 euros por parte da consellería de Traballo e Benestar Social da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo para tres programas dirixido á poboación xitana, inmigrantes e outros colectivos en risco de exclusión, nomeadamente os perceptores da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga).

Esta cantidade supón un incremento do 28,87% respecto da axuda obtida o ano anterior, un total de 27.236 euros máis, e que lle permitirán ao Concello cubrir os gastos das accións formativas (obradoiros de autoemprego, convenios con terceiros para a realización de prácticas profesionais, etc.) e en persoal (traballadores sociais, monitores, persoal xurídico, etc.) que axuden a desenvolver os programas de inclusión. A concellería que dirixe Sofía Godoy pretende así “consolidar actuacións fundamentais para a mellora das condicións de vida das persoas en risco de exclusión na nosa cidade, cunha intervención activa de apoio, asesoramento e axuda para o acceso a un posto de traballo”, asegura.

“Queremos que o emprego para colectivos en riscos de exclusión sexa unha prioridade durante este mandato municipal, reforzando e mellorando os que están xa en marcha e incorporando novos proxectos, como Ourense Integra, que queremos poñer en marcha ao longo do presente ano”, recalca Sofía Godoy.

1.200 persoas acollidas ao programa
Os programas de inclusión social da Concellería de Asuntos Sociais do Concello de Ourense prestan atención na actualidade a 388 persoas de etnia xitana (un total de 101 familias), 250 persoas inmigrantes e outras 547 persoas en risco de inclusión social (perceptoras da axuda da RISGA). En total, case 1.200 persoas que están actualmente inmersos nos diferentes itinerarios de inclusión socio laboral.

O Concello préstalles, a través destes programas, atención e servizos en materia de asesoramento xurídico e social e formación para acceder a un posto de traballo, así como a posibilidade de adquirir unha experiencia profesional realizando prácticas en empresas.

Para reforzar e complementar estas accións formativas, o Concello de Ourense prevé poñer en funcionamento, a través do proxecto Ourense Integra, un programa dirixidas aos colectivos en risco de exclusión. E é que, ademais do emprego, estes programas teñen moi en conta a intervención familiar.