Na mesma sesión aprobou a instalación de videovixilancia no Polígono Empresarial de Seixalbo e un convenio coa Axencia de Turismo de Galicia.
A Xunta de Goberno local (XGL) do Concello de Ourense aprobou o proxecto de rehabilitación do firme e mellora da accesibilidade da rúa do Mercado, no barrio da Ponte. Este proxecto, redactado polo arquitecto municipal, Gerardo Iglesias Guede, e polos arquitectos técnicos municipais, José Carlos Pérez Paz e Ana Bailón Vega, ten un orzamento de 101.74 euros.
Esta obra está incluída na primeira fase do Plan de Investimentos Municipal 2014-2015. Con esta aprobación do proxecto, iniciarase agora o expediente de contratación oportuno, a través do Servizo Municipal de Contratación.
Seixalbo
Na mesma sesión aprobouse o proxecto de instalación eléctrica para vídeovixilancia no Polígono Empresarial de Seixalbo. O custo total da actuación é de 105.018 euros, dos cales un 80% serán subvencionados pola Consellería de Economía.
Tamén referida a Seixalbo foi a aprobación, polo trámite de urxencia, do proxecto de acondicionamento das infraestruturas viarias do polígono empresarial de Seixalbo, redactado polo arquitecto municipal, Gerardo Iglesias Guede, e polo aparellador municipal, José Carlos Pérez Paz, cun orzamento total de 149.531 euros. Igualmente Industria asume o 80% da financiación-
Turismo
A XGL tamén aprobou o convenio que suscribirá o Concello de Ourense coa Axencia de Turismo de Galicia, para a promoción e mellora de infraestruturas turísticas, que terá vixencia ata novembro deste ano. Este convenio ten un orzamento de 149.600 euros, dos que 139.600 euros serán asumidos pola Xunta e 10.000 euros serán achegados polo Concello para gastos de persoal e correntes que orixine a posta en marcha destas actividades.
Canto á mellora de infraestruturas turísticas, está previsto a instalación de alumeado público na fonte do Tinteiro e no paseo termal, e dun sistema de arrefriamento de auga termal nas termas de Outariz e Burgas de Canedo para o uso racional e aforro de auga.
E no referido á promoción turística, instalaranse paneis informativos con recursos turísticos en lugares estratéxicos, entre os que estarán a ponte Romana, a Alameda, As Burgas e o casco histórico. Tamén se instalarán paneis de sinalización do Camiño de Santiago – Vía da Prata na entrada do termo municipal de Ourense. Así mesmo, adquiriranse pantallas dixitais con tecnoloxía interactiva para a Oficina Municipal de Turismo e outros lugares estratéxicos. Polo momento, precisou a concelleira de Turismo e Termalismo, isabel Castelo,só se instalarán en interiores «para ver cómo funcionan y evitar actos vandálicos».
Todas estas obras teñen que estar rematadas antes de final de 2015.
Obras de AQUAE
Outro asunto que se aprobou na XGL polo trámite de urxencia foi o referido ao encargo de xestión indirecta das obras de mellora do abastecemento realizadas por AQUAE: captación marxe dereita do río Miño e condución á Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP), condución ETAP-depósito de As Eiroás, depósito de As Eiroás, bombeo de Montealegre, condución Montealegre-Caracochas e depósito de Caracochas.
Estas obras foron recibidas a comenzos de 2015 e a Administración municipal comprometérase a poñelas de inmediato as devanditas instalacións en funcionamento, para evitar perder a subvención de fondos europeos con cargo á cal se executaron. O aprobado nesta Xunta de Goberno non signifca máis que «encargar a xestión á empresa que leva o tema de augas en Ourense», sen que sexa preciso modificar o contrato coa empresa adxudicataria (Viaqua).