A andaina sairá este domingo ás 11.00 horas de Sabuguido con destino á Edrada.
Rubén Riós será o padriño e presentador da I andaina solidaria a favor da Fundación Andrea organizada polo Concello de Vilariño de Conso que transcorrerá, o próximo domingo 23 de agosto, entre Sabuguido e Edrada. A saída está prevista ás 11 horas, en Sabuguido e todos os fondos acadados serán destinados á citada Fundación, que apoia aos nenos e nenas con enfermidades de larga duración, crónicas ou terminais. O actor galego agarda que “a participación na andaina sexa elevada para que os fondos recadados permitan contribuír a axudar a outras persoas que o poidan necesitar e que todas as historias que comezan sendo complicadas teñan un final feliz”
As persoas que desexen participar na andaina poderán realizar o seu donativo na conta ES89 0182 5920 55 0201612758. Detrás desta iniciativa solidaria atópase a historia de Diego, un meniño de 5 anos de idade e procedente de Vilariño de Conso, diagnosticado no 2014 de leucemia. A hospitalización e posterior tratamento para Diego en Compostela fixo que os seus pais tivesen que trasladarse a dita cidade. Nesta estancia en Santiago, a Fundación Andrea xogou un papel fundamental, facilitando aos pais do cativo unha residencia que lles permitise instalarse provisionalmente en Compostela, preto do seu fillo, durante o tempo que foi preciso, entre hospitalización e tratamento.
En marzo do 2015 o núcleo familiar regresou de novo a Vilariño de Conso, pero a Fundación Andrea segue a xogar un papel fundamental para esta familia ourensá, posto que cando o cativo precisa asistir a consultas médicas, a Fundación facilita de novo o aloxamento a noite anterior en Compostela, dada a considerable distancia que separa o concello no que reside a familia da capital galega. Con esta andaina solidaria, a familia do pequeno pretende acadar fondos para a Fundación Andrea, conscientes do papel fundamental que significou para eles en momentos difíciles e agardando que eses fondos poidan contribuír a axudar a outras familias que o precisen.
Rubén Riós, quen puxo en contacto á familia coa mencionada Fundación, manifestou que “a participación neste acto supón para min unha grande satisfacción, por aportar o meu grao de area para facilitar a aquelas persoas a axuda que precisan en momentos tan difíciles das súas vidas, como é o caso”.