O novo vehículo será utilizado para o transporte dos voluntarios, para o traballo cotiá e o despramento a operativos.
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Barbadás conta dende hai uns días con un novo vehículo de usos múltiples con capacidade para 9 persoas. Un dos motivos polos que a agrupación recibiu este furgón foi pola alta capacidade de traballo dos voluntarios de Barbadás.
Dani Rey, responsable de Protección Civil, explica que a de Barbadás optou xunto co resto de agrupacións de Galicia e foi unha das que obtivo unha maior puntuación. Entre os criterios que se valoraron positivamente foi o número de voluntarios, o nivel de risco, os operativos nos que participa, etc.
Na recollida do vehículo en Santiago estivo ademais de Dani Rey, o tenente alcalde de Barbadás, Xosé Manoel Fírvida, quen destaca a importancia que ten a dotación deste novo vehículo para mellorar o servizo de atención á veciñanza e as emerxencias no municipio a través do traballo que desenvolven os voluntarios.
Este vehículo foi concedido pola Consellería de Presidencia a través dunha liña de subvencións sufragada con fondos da Unión Europea para equipamentos.
A agrupación está pendentes tamén da entrega de material complementario coma dun remolque con carpa presurizada para montar eventos, como pode ser a instalación dunha carpa de primeiros auxilios.
Unha das principais vantaxes do novo vehículo de usos múltiples é o reducido nivel de consumo de combustible. Dende a súa recepción estánselle dando usos múltiples: transporte de persoal, traballo cotián e asistencia a operativos. Tamén se están estudando outras finalidades como poden ser o traslado nas xornadas electorais de persoas con dificultades para desprazarse ou levar a veciños aos centros médicos cando sexa en casos especiais.
O vehículo, unha Renault Trafic de 120 cabalos, trae incorporado un equipo de megafonía, un sistema de iluminación prioritaria (luces e serea), extintor, linternas e XPS.