As bases da convocatoria e fichas de inscrición poden consultarse na web www.ourense.gal.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e a concelleira de Xuventude, Sofía Godoy, animaron aos mozos de Ourense a participar no programa de mobilidade Galeuropa. Este luns, no Espazo Lusquiños da Mocidade, técnicos da Consellería de Traballo e Benestar e do INEM explicáronlle aos preto de 30 interesados como funciona o Rexistro de Garantía Xuvenil, base de de datos na que é preciso inscribirse para poder optar a unha das 10 prazas que oferta o Concello de Ourense, a través da Concellería de Xuventude, para realizar prácticas de dous meses no Reino Unido.

A área que dirixe Sofía Godoy participa por primeira vez neste Proxecto de Mobilidade Transnacional Xuvenil (Galeuropa), co que quere reforzar a empregabilidade e as competencias profesionais dos mozos non ocupados e non integrados nos sistemas de educación ou formación, ou recén titulados. En definitiva, contribuir á mellora da súa formación mediante a adquisición de experiencia profesional e potenciando as competencias en idiomas estranxeiros, neste caso o inglés.

Para formar parte deste programa, os interesados deben estar inscritos no Rexistro de Garantía Xuvenil e ser menor de 25 anos (ou de 30 no caso de padecer un grao de discapacidade do 33% ou superior). As bases están na web do Concello de Ourense e no Facebook da Concellería de Xuventude, onde se poden descargar as fichas de preinscrición para presentalas ata o día 31 de agosto -presencialmente ou online- na propia Concellería. Das 10 prazas dispoñibles, unha estará reservada para persoas con discapacidade.

A Concellería de Xuventude realizará un curso de apoio lingüistico para as persoas seleccionadas, entre as que se reservará unha praza para participantes con diversidade funcional. Tamén xestionará a viaxe, aloxamento en réxime de pensión completa e traslado de ida e volta dos participantes, así como calquera imprevisto que poida acontencer.