Reservará 400.000 euros nos orzamentos da Xunta de 2016 para a ampliación deste centro.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vai investir arredor de 400.000 euros na ampliación da Escola Oficial de Idiomas de Ourense, obra para a que xa se reservará unha partida nos orzamentos de 2016.
Segundo o anteproxecto das obras, o obxectivo é construír unha ampliación do edificio de tres andares. Deles o baixo estaría porticado e os outros dous acollerían un mínimo de catro aulas, que poderían chegar a seis no suposto de que os condicionantes urbanísticos da parcela o permitisen. Darase así resposta ao incremento de matrícula e de oferta de linguas estranxeiras no centro nos últimos anos.
O titular do departamento educativo da Xunta, Román Rodríguez, fixo este anuncio durante a súa visita ao IES Universidade Laboral da cidade, onde comprobou os resultados dos traballos que se están a realizar este verán para a renovación das cubertas, unha obra na que se investiron preto de 250.000 euros. Ademais, o centro contará o ano que vén cun novo laboratorio de idiomas.
Rodríguez tamén se achegou ata o CIFP A Farixa, onde comprobou o avance das obras que se realizan nos talleres, por un importe de 57.000 euros. En concreto, estase a construír unha pequena entreplanta no taller de Enerxías Renovables para a colocación dos paneis solares, ademais de dividir outro dos talleres en dous andares. Neste segundo caso o obxectivo é reorganizar os espazos dedicados aos ciclos de edificación e de electrónica.
Agradecemento do alcalde
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, quen acompañou ao conselleiro na súa visita, manifestou o seu agradecemento á Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, polo compromiso inversor deste departamento autonómico coa cidade.
Este compromiso viuse refrendado co anuncio do conselleiro Román Rodríguez da ampliación da Escola Oficial de Idiomas, co fin de mellorar as dotacións deste centro educativo que conta cunha alta demanda en Ourense para o estudio de linguas extranxeiras. De feito, o titular de Educación lembrou que este proxecto xa estaba articulado dende a etapa á fronte da consellería de Jesús Vázquez, ao igual que moitos outros que están en marcha, como é o caso da renovación das cubertas do IES universidade Laboral, por un importe de 250.000 euros.
O alcalde de Ourense recalcou que nestes últimos dous meses “a cidade volve a coller vida con proxectos en marcha e pouco a pouco estamos comprobando que en Ourense se está a facer un bo traballo polo camiño correcto”. Tamén quixo agradecer, durante a súa visita ao IES Universidade Laboral, “a boa resposta que estamos a recibir dos traballadores municipais, que se están volcando en devolver a vida á cidade de Ourense”, lembrando que nestas últimas semanas se desbloquearon asuntos que levaban meses sen poder avanzar, e anunciando que en próximas xuntas de goberno se seguirán desbloqueando proxectos e actuacións. “Estamos na fase de ordenar, estructurar e poñer a funcionar a cidade co ritmo axeitado”, concluiu.