O Diario Oficial de Galicia publicaba este martes a resolución pola que se anuncia a licitación para a contratación das obras.
As melloras teñen como obxecto a construción do conxunto do viario da fortaleza así como dos sistemas xerais de instalacións e o seu prazo de execución será de tres meses.
A intervención na rede de camiños de Monterrei incluirá un sistema de saneamento, unha rede de abastecemento de auga que disporá de acometidas en espera a cada unha das edificacións do entorno, un proxecto de alumeado que permitirá no futuro implantar unha instalación de iluminación pública, a instalación de subministración de enerxía que asume tanto as necesidades actuais como as futuras para o transporte de enerxía, e unha rede de telecomunicacións que incluirá unha canalización enterrada para servizo de distribución e acometida ás edificacións existentes. A licitación destas obras no acceso ao castelo ten lugar tras o remate do proxecto de rehabilitación do conxunto arquitectónico promovido por Turismo de Galicia e levado a cabo co obxectivo prioritario da súa revitalización para usos culturais e turísticos.
Grazas a dita actuación reforzouse o carácter turístico do castelo de Monterrei garantindo o seu uso público e poñendo en en valor un dos bens culturais máis importantes de Galicia.
O proxecto de rehabilitación para conservar este ben cultural incluíu tanto a adecuación do Castelo como dos seus arredores. Agora, Turismo de Galicia inverterá na construción do acceso ao mesmo coa finalidade de facilitar as visitas ao complexo.
O obxectivo prioritario é fomentar o uso cultural do edificio, para revitalizalo con programas como ‘Vive o Castelo’, que contou na súa primeira edición con preto de 2.000 participantes, e tamén para usos turísticos, sen que deixe de ser público.
O prazo para a presentación das ofertas remata o vinte e seis día natural contado a partir deste mércores 26 de agosto, día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.