Manuel Baltar destacou o astroturismo como un novo polo de atracción de visitantes na provincia.
A Deputación de Ourense e o Concello de A Veiga presentaron a Trevinca como destino turístico Starlight converténdose nun dos catorce destinos no mundo e o único en Galicia que conta con esta certificación. Na presentación participou o presidente da Deputación, Manuel Baltar, o alcalde da Veiga, Juan Anta, e os asesores astronómicos, Óscar Blanco e Pablo Canedo.
Este recoñecemento como destino turístico Starlight, converte a Trevinca nun lugar visitable con boas condicións para a contemplación de estrelas e que está protexido de contaminación lumínica, sendo apto para acoller iniciativas turísticas relacionadas coa contemplación do ceo, así o aseguran dende a Fundación Starlight coa concesión deste certificado. Tal e como asegurou durante a presentación Juan Anta, este certificado significa “unha marca de calidade porque no concello de A Veiga hai un dos mellores ceos do mundo onde ver as estrelas”.
Na actualidade con esta nova incorporación son catorce os lugares do mundo que contan con certificado de destino turístico starlight, e Trevinca é o único lugar de Galicia que conta con este certificado. Un sistema de certificación que é avalado pola UNESCO, pola Unión Astronómica Internacional e pola Organización Mundial de Turismo.
O presidente da Deputación recalcou que o concello de A Veiga é “un dos concellos máis extensos de Galicia case 300 quilómetros cadrados e é en A Veiga onde se pode estar no sitio máis alto de Galicia nesa Pena Trevinca e os seus 2.127 metros non é o único pico que sobrepasa os 2.000 metros, ten outros tres máis aparte de Pena Trevinca e estamos a falar tamén dun concello que reúne o maior conxunto do ecosistema de turbeiras e de lagoas de orixe glaciar da Península Ibérica despois dos Pirineos”.
Pola súa banda, os asesores astronómicos destacaron as principais características da Veiga neste senso, como a baixa contaminación lumínica que ten o concello, a súa gran altitude fai que a atmosfera mostre as súas mellores condicións e ademais, dende alí, pódese ver a Vía Láctea de lado a lado.
Xornadas de Astroturismo
No Concello de A Veiga realízanse diferentes actividades que se desenvolven en torno ao mundo da astronomía entre elas a observación de choiva de estrelas ou a segunda edición de Xornadas Astroturismo do Concello de A Veiga os días 11, 12 e 13 de setembro onde o ano pasado participou unha gran cantidade de xente de lonxe do concello.