Máis de 190 nenos/as participaron nos campamentos ou ludotecas de Cruz Vermella no Barco, Rubiá, Celanova, Maceda, Verín, O Carballiño, A Gudiña, Vilariño de Conso e Ourense.

 

A última semana do mes de agosto trae consigo a fin das actividades lúdicas infantís que Cruz Vermella organizou para que máis de 190 pequenos/as gozaran do verán. Os campamentos son espazos para a convivencia e a aprendizaxe. Algúns dos obxectivos foron aprender xogando, educar en valores, desenvolver a creatividade e promover o coidado do medio ambiente. Así mesmo, foi un xeito de posibilitar a conciliación familiar.

Durante os meses de xullo e agosto, os rapaces e rapazas participaron en diferentes actividades: obradoiros, xincanas, saídas culturais, xornadas de piscina e unha excursión ao Parque Nacional das Illas Atlánticas, entre outras.

En Celanova, este xoves recibirán a visita do mago Le Grand Martin na Asemblea e o venres participarán de actividades lúdico-deportivas, nas que non faltarán as sorpresas para os máis peques (de 11 a 13 horas na Praza Maior). En Rubiá, o parque infantil acollerá mañá xogos cooperativos cos nenos da localidade que participaron no campamento. O venres terá lugar a última xornada de piscina no Barco de Valdeorras (de 10.30 a 12.30 horas).

Cursos para monitores

Coa mirada posta no outono e o curso escolar, Cruz Vermella Xuventude está xa a preparar as charlas que realizará en centros educativos da provincia. A organización promove a participación de xente nova nestas actividades, polo que anima a realizar os cursos de Educación para a Saúde e Prevención de Condutas Violentas, nos que os monitores adquiren os coñecementos e técnicas para impartir estas formacións a adolescentes e mozos. Os cursos diríxense especialmente a persoas maiores de 18 anos, con inquedanzas no ámbito da saúde e o desenvolvemento de habilidades sociais na xuventude.

O prazo de inscrición para os módulos de Educación para a Saúde está aberto ata o 17 de setembro, e inclúe apartados sobre drogas, saúde sexual e alimentación. Xa no mes de outubro terá lugar o curso de Prevención de Condutas Violentas, con módulos sobre resolución de conflitos, bullying, violencia de xénero e racismo; o prazo de inscrición remata o 1 de outubro.