Atópase en estado consciente e está a ser atendido no lugar do sinistro, antes de ser trasladado a un centro hospitalario.

 

O piloto dunha avioneta do dispositivo de loita contra incendios forestais da Xunta resultou ferido esta tarde tras sufrir un accidente, por causas que aínda se descoñecen, mentres traballaba na extinción dun incendio rexistrado no concello de Castro Caldelas, informa a Consellería de Medio Rural.

O aviador, de nacionalidade española, atópase en estado consciente e está a ser atendido no lugar do accidente antes de ser trasladado a un centro hospitalario nun helicóptero medicalizado, para ser sometido a exploración. O aparello sinistrado é un modelo Dromader, que opera desde a base lucense de Doade.

O lume no que traballaba o aparello sinistrado iniciouse ás 14:25 horas e permanece activo arestora. No seu control participan 1 técnico, 3 axentes forestais, 11 brigadas, 4 motobombas e 4 helicópteros.