Os socialistas denuncian a «actitude reiterada de prepotencia» do rexedor, que leva cinco anos sen convocar un pleno ordinario.
Este xoves 27 de agosto celebrouse un pleno extraordinario no Concello de Rairiz de Veiga no que o voceiro socialista, Pablo Lorenzo, houbo de recurrir a unha cuestión de orde e a un rogo para poder introducir a cuestión da incompatiblidade do alcalde. Xaquín Rodríguez Ambrosio foi condenado a oito anos e medio de inhabilitación por un delito de prevaricación, sen que polo momento renunciara ao cargo.
O PSdeG denuncia a «actitude reiterada de prepotencia» do rexedor, que leva cinco anos sen convocar un pleno de carácter ordinario, o que imposibilita o labor da oposición e, en particular, evita que se enfronte a unha moción sobre a incompatiblidade no exercicio do seu cargo debido a esta sentenza xudicial.
Na sesión deste xoves, o alcalde voltou reiterar que non ten pensado convocar pleno ordinario proximamente nin dar conta da súa incompatbilidade, relatan os socialistas. «Asistimos estupefactos a este lamentable espectáculo protagonizado polo, ata o de agora, alcalde, que tenta aferrarse ao seu cargo por todos os medios», indican desde o PSdeG nun comunicado, reiterando a petición de dimisión para Xosé Xaquín Rodríguez Ambrosio.
No pleno estiveron amosando o seu apoio ao voceiro socialista a secretaria de Organización do PSOE ourensán, María Quintas, e a deputada Laura Seara.