Agárdase que reuna este sábado 5 de setembro a case un millar persoas no Campo da Feira.
O Concello de Ourense vén de presentar a sétima edición do Arepazo, que se celebra este sábado no Campo da Feira de Ourense, organizado pola asociación Alma Llanera. “A festa de referencia da comunidade venezolana en Galicia”, en palabras de Jesús Vázquez, alcalde de Ourense, prevé unha asistencia de máis de 900 persoas, maiormente fillos da emigración ao país americano, e servirá igualmente para promocionar os recursos da nosa cidade: o lema do Arepazo é “Venezuela na ruta termal”.
A actividade desenvolverase ao longo do día (a partir das 12:30 horas) e, ademais dun festival da arepa, novidade deste ano, haberá actuacións musicais de Galicia (Queixumes dos Pinos) e de Venezuela e actividades para todos os públicos. Lorenzo González, presidente da asociación Alma Llanera, destacou que a provincia de Ourense é a segunda con máis residentes venezolanos, segundo datos do consulado do país, e animou “a todos os ourensáns que teñan curiosidade por coñecernos” a acudir á festa e pasar “unha xornada entre amigos”.