Nova mostra de apoio dos seareiros de Club Ourense Baloncesto ao equipo ante a decisión da ACB de non incluir ao club ourensán na vindeira Liga Endesa. O lema da manifestación, clarividente: «Sen Ourense non hai ACB».
Este xoves ao remate do adestramento dos poucos efectivos cos que conta o técnico Gonzalo García de Vitoria (de todos é sabido os problemas que están a ter á hora de confeccionar a plantilla cando nin tan sequera saben en que Liga xogarán) os afeccionados do COB manifestáronse en contra da Asociación de Clubs de Baloncesto.
Este acto foi unha clara mostra de que a afección está ao carón do club, nuns momentos nos que a asociación de clubs deixa fóra (por non se sabe que intereses) a un conxunto ourensán que gañouse a pulso estar na Liga Endesa da 2015-2016 (aínda está marcado a lume o playoff de ascenso diante do Breogán de Lugo).
A ACB continúa querendo facer (sen decilo) unha liga pechada na que non pode saír nin entrar ningún equipo; teña ou non méritos deportivos, ou deméritos -acórdome de Fuenlabrada, por exemplo, logrados.
A asociación acóllese a que o club estaba en causa de disolución, cousa que o Consello Superior de Deportes (CSD) botou atrás. Despois non quixeron que houbera unha liga de 19 equipos e volveron a negarlle a inclusión.
O COB irá ata as últimas consecuencias e nesta ocasión «non camiñará só»; como mostra o botón do pazito.