Estes centros contan cunha oferta de 1.116 prazas, cifra que se incrementdou case un 16% nos últimos seis anos.

 

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitou este venres a escola infantil A Farixa con motivo do inicio co curso 2015/2016 na rede autonómica A Galiña Azul. Martínez, acompañado polo xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar, José Selas e pola directora do centro, Concepción González, percorreu as instalacións deste centro que conta con 95 prazas.

O delegado territorial destacou o esforzo do Goberno galego para incrementar a oferta de prazas nestas escolas. Así, indicou que a posta en marcha de prazas públicas en escolas infantís do 0 a 3 anos “é un dos obxectivos fundamentais do Plan de Dinamización Demográfica de Galicia, que pretende mellorar a conciliación da vida familiar, laboral e persoal dos galegos”.

Na provincia de Ourense a oferta nas 24 escolas infantís da Xunta cífrase en 1.116 prazas, das que unha parte son reservadas en cada escola por motivos de emerxencia social, o que supón o incremento dun 15,8 % (153 prazas) dende o ano 2009.

Ademais das escolas da Galiña Azul que iniciaron o curso, a oferta de prazas sostidas con fondos públicos inclúe tamén as escolas municipais, as dependentes de entidades de iniciativa social e doutras entidades e as máis de 1.000 prazas de cheque infantil, conformando unha oferta global de preto de 20.500 prazas no conxunto da comunidade.

Con esta oferta, acádase por primeira vez a cobertura recomendada pola Unión Europea para o tramo de idade 0-3, que supón contar cunha oferta de 33 prazas para cada 100 nenos e nenas en idade de acceder a unha escola infantil.

Novas escolas
Na provincia de Ourense están planificadas catro novas escolas que se construirán na Mancomunidade de Concellos de Ourense -que dará servizo aos municipios de Paderne de Allariz, Baños de Molgas, Esgos e Maceda-, e nos concellos de Verín, O Carballiño, e da cidade, esta última promovida pola Fundación Amancio Ortega.