O bipartito levará ao pleno de setembro unha modificación orzamentaria para dotar de financiamento a esta partida, que carecía de crédito.

O goberno de Barbadás poderá consignar 10.000 euros para axudas de emerxencia –partida que non contaba con crédito orzamentario- logo dunha modificación orzamentaria que se levará a aprobación do pleno no mes de setembro.
Como explica o tenente alcalde, o nacionalista Xosé Manoel Fírvida, unha das prioridades do goberno “é prestar axuda ás familias máis castigadas pola crise, persoas que non poden facer fronte aos alugueres, aos recibos de luz e de auga ou a alimentación básica”. O trasvase de fondos faise pola rebaixa das retribucións ao equipo de goberno (8.000 euros) e pola dedución dos gastos de protocolo e axudas de custos dos órganos de goberno (2.000 euros).

Porén, a pretensión do executivo local é sentar as bases para encamiñar os recursos municpais á promoción económica e do emprego para que ninguén se vexa na necesidade de solicitar este tipo de axudas. Asemade, e mentres a situación económica non mellore, “é unha obriga deste goberno atender as necesidades básicas dos veciños, no senso de evitar situacións de marxinación social e para garantir unha vida digna a todas as veciñas e veciños de Barbadás” apunta Fírvida.

Ao tempo que adianta que, nos orzamentos que están elaborando para 2016 incrementaranse os cartos adicados a Axudas de Emerxencia con respecto ao consignado polo anterior goberno do PP “que dun orzamento de máis de 5 millóns de euros, só destinou 9.000 euros para todo o exercicio económico, unha cantidade totalmente insuficiente en tempos de crise”, conclúe o nacionalista.