O secretario xeral da formación, Rosendo Fernández, subliñou que se trata dun mecanismo que atenderá as necesidades dos concelleiros.
O Partido Popular de Ourense vén de pór en marcha o denominado Comité de Voceiros, órgano do que forman parte os concelleiros que, dende a oposición municipal, lideran a formación popular en 27 concellos da provincia.
O secretario xeral do PP ourensán, Rosendo Luis Fernández, explicou que o Comité de Voceiros é unha iniciativa do partido que ten como obxectivo prestar toda a colaboración e asesoramento necesario aos edís que desenvolven o seu labor político dende a oposición.
O propio Rosendo Luis Fernández subliñou ante os asistentes o interese do partido por poñer en valor un órgano de axuda «chamado a converterse nunha ferramenta de axuda para atender as necesidades da oposición».
Na xuntanza, este luns en Baños de Molgas, déronse cita os voceiros e edís do PP nos concellos de Allariz, Amoeiro, O Barco, Baños de Molgas, Barbadás, Berán (entidade menor), Calvos de Randín, O Carballiño, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Castrelo do Val, Castro Caldelas, Coles, Entrimo, Maside, Manzaneda, A Mezquita, Parada de Sil, Petín, Ribadavia, Pobra de Trives, A Rúa, San Xoán de Río, Sandiás, Verín, Viana do Bolo e Vilamartín de Valdeorras.