Carmen Acuña censura un “acto de amiguismo” dos clubes mais poderosos, que fan prevalecer os “xogos de despacho fronte ao que se gañou na pista”.
A portavoz de Deporte do Grupo Socialista, Carmen Acuña, trasladou o apoio dos socialistas galegos ao Clube Ourense Baloncesto, logo de que a ACB decidira non inscribilo para a temporada 2015 – 16 logo de ter conseguido o seu ascenso fronte ao Breogán de Lugo o pasado 2 de xuño. Así o dixo logo dun encontro co presidente do Clube, Antonio Gavilanes.
Amosou a súa “absoluta disconformidade” coa decisión da ACB, que “responde a un acto de amiguismo cos clubes mais poderosos, obviando os méritos deportivos”. Consideran “inadmisible que prevalezan os xogos de despacho ante o xogo na pista, obviando o que se gañou na cancha” e defenderon modificar as normas de acceso ás competicións de alto nivel, que hoxe “non se fundamentan nos resultados deportivos”.
Acordo
Logo deste encontro, sinalou que “agardamos que a Asociación de Clubes de Baloncesto acade un acordo beneficioso tanto para o COB e os seus afeccionados coma para o deporte galego en xeral”, e advertiron que se trata dunha decisión que “afecta á vida é a carreira profesional de moita xente, tanto da plantilla de deportistas como dos traballadores e traballadoras do clube”.
Engadiu que a decisión da Asemblea Xeral da ACB de non inscribir ao COB, que foi coñecida o pasado 1 de setembro, supón un “mazazo” para un equipo que “agardaba recoller os froitos do seu traballo deportivo”, así como “para os ourensáns e ourensás que o apoiaron orgullosos e ilusionados”, e para “todo o deporte galego en xeral”.