Os nacionalistas queren que se organice un acto institucional na honra dos que padeceron persecución e violencia durante a ditadura.
O BNG de Barbadás presentou unha proposta para que se elimine o escudo falanxista que se atopa na fonte de Cimadevila, na parroquia de Barbadás, «por xustiza, máis tamén en cumprimento da Lei de Memoria Histórica».
Xa hai uns meses, nun acto simbólico, militantes nacionalistas procederon á retirada deste símbolo franquista en oposición á intervención do anterior goberno do Partido Popular que sufragou con cartos públicos a rehabilitación da fonte e do emblema fascista -o xugo e as frechas- que a preside.
Porén, para o BNG, a eliminación das pegadas do franquismo alén de ser imperativo legal supón un reparo, aínda que tardío, á memoria dos represaliados, fusilados, axusticiados e ‘paseados’ polas forzas fascistas «e que foron moitos no noso concello». ç
Os nacionalistas queren que dende o Concello de Barbadás -no que forman goberno cos socialistas- se organice un acto institucional para honrar a memoria dos homes que entregaron a súa vida ou foron condeados ou viviron exiliados por defenderen a liberdade e a democracia. En palabras do tenente alcalde, Xosé Manoel Fírvida, “trátase de facer un recoñecemento público a todas estas persoas que nunca antes puideron telo en debida forma”.