Comisión centro CHUO

Os traballadores lamentan que a Xerencia do CHUO implante medidas sen contar con eles.

A Comisión de Centro do complexo hospitalario ourensán valorou este xoves en rolda de prensa a recente apertura da nova Sala de Diagnóstico e Tratamento do Servizo de Urxencias. Unha apertura que se fixo por parte da Xerencia “sen coñecemento, sen consentimento e sen contar cos traballadores”, explicaba a presidente da Comisión, Asunción Maus.

E é que, a xuízo dos profesionais sanitarios, as características da sala, que atenderá un máximo de 27 pacientes (antes só tiña 10 prazas), non permitirán “traballar con seguridade ante calquera urxencia”. Refírense en particular a que o espazo entre camas redúcese a 1,05 m (antes era de 1,40 m), á ausencia de timbres para que os usuarios poidan avisar aos enfermeiros e a que desde o posto de enfermería “non temos control visual de todos os pacientes”. A existencia dun só baño para toda a sala e a falta de ventilación (as ventás están pechadas) son outros dos inconvenientes do novo espazo, no que non se poderá garantir a presenza de familiares, advirte Maus.

Unha posibilidade que rexeita a Xerencia de Xestión Integrada do Sergas en Ourense, que lembrou que o acompañamento de pacientes nos hospitais públicos é un dereito recollido na Lei de Saúde de Galicia e non corresponde a ningún colectivo súa limitación ou variación.  

Sobre o persoal asignado
A Comisión de Centro tamén denuncia que descoñece que persoal será asignado a esta nova sala pois non se lles comunicou “de forma clara e por escrito”. Con todo, a Xerencia anunciaba aos medios de comunicación este mércores que o recinto contará con dous profesionais de enfermaría máis. Ata o de agora, segundo indicaba a representante da Comisión de Centro, a sala equivalente na que agardaban os pacientes á espera de diagnóstico só tiña unha auxiliar de enfermería no turno de noite, pero os traballadores demandan para este novo espazo, canda menos, dúas enfermeiras en turno de mañá e dúas en turno de tarde, así como dous auxiliares de enfermaría por turno.

A Comisión de Centro lamenta tamén que a Xerencia non convocara este verán a comisión de traballo creada para mellorar o servizo de urxencias, pola “falta de interese por parte da Xerencia de atender as necesidades reais dos traballadores do servizo”, apuntaba a súa presidenta.

O seu compañeiro José Benito González afondaba nas críticas á Xerencia do CHUO, asegurando que o servizo de urxencia “podría estar subredimensionado” pero que logo “hay una deficiencia de recursos y medios”, en concreto de persoal.