O Concello de Ourense realizou obras de mantemento en 15 colexios e prevé realizar máis noutros 17 centros educativos.
Con nervios, ilusión, risos, berros e algún que outro choro, así voltaron ás aulas os preto de cen escolares do CEIP Manuel Luis Acuña, situado no barrio da Carballeira. No seu primeiro día de cole, os pequenos recibiron a visita do delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, máis o alcalde, Jesús Vázquez, que comprobaron in situ as melloras realizadas nas instalacións nas semanas previas.
Váquez salientou nesta visita as obras realizadas “para esa posta a punto de revisión” en 15 colexios da capital e noutras instalacións educativas. En concreto, durante o verán as brigadas municipais atenderon ata 76 incidencias detectadas nos Ceips da Ponte, Albino Núñez, Amadeo Barroso, Covadonga, José G. García, Inmaculada, Irmáns Villar, Manuel Luis Acuña, Manuel Sueiro, Mariñamansa, Mestre Vide, O Couto, Prácticas, Seixalbo e Vistahermosa, así como na Biblioteca da Carballeira, a Galiña Azul de Barrocás e na EPA.
Os operarios houberon de arranxar de portas e fiestras; desatascar urinarios, tuberías e sumidoiros; substituír elementos deteriorados eléctricos e de grifería; revisar as instalacións eléctricas, ou instalar tarima flotante e pintar paredes e outros elementos. Estas actuacións atenderon as peticións formuladas polos directores dos centros educativos.
Segundo indicou o alcalde, «entre a Xunta e máis nós xa estamos planificando o traballo en 17 centros máis, traballos moitas veces de pequena magnitude pero sen embargo importantes para o día a día dos centros».
En total, na cidade de Ourense incorporáronse este xoves ás clases 9.102 rapaces, 2.874 deles en educación Infantil e o resto en Primaria. O rexedor desexou “Un ano bo a todos os docentes” pois “deles vai depender tamén o futuro dos máis cativos”, e con respecto a estes, dixo velos “completamente adaptados neste primeiro día”.