Asian Dub Fundation

O Reperkusión 2015 ofrece unha completa programación de día, e de balde, para todos os gustos e públicos, durante as súas dúas xornadas.

No que se refire aos concertos de pago, o venres 11, a partir das 22:30 h, pasarán polo escenario principal de Benposta a furia de estilos dos británicos Asian Dub Foundation Sound System, jungle, drum&bass, rap, reggae e sons propios mesturados con habilidade por John Pandit (Pandit G), fundador da histórica banda; a Distorsión Party de ritmos tolos e divertidos dos gaditanos Trashtucada; a forza ska, a cadencia reggae e o espírito punk-rock dos Dakidarría; e a música electrónica do futuro, con instrumentos primitivos, dos TranceUntes.

O sábado 12 chegarán ao escenario principal de Reperkusión, que se abrirá ás 22 horas, a cumbia, o ska e o punk dos latinoamericanos afincados en Barcelona Che Sudaka, referentes internacionais da música mestiza; a música balcánica afastada dos estereotipos dos bosnios Dubioza Kolectiv, que hai dous anos xa fixeran vibrar o público do Reperkusión coa súa personalísima mestura de hip-hop, reggae, dub, rock e folclore balcánico e que veñen presentar en absoluta primicia o seu novo disco, que sacarán a finais de setembro; o directo frenético con aires balcánicos dos valencianos La Trocamba Matanusca; a saborosa mestura de ska e reggae dos locais Maskarpone; e o balkan, rock, swing e drum&bass dos Chotokoeu, banda galega con futuro planetario.

Moito máis que os concertos de noite
Como nas edicións anteriores, o Festival Reperkusión 2015 será moito máis que os concertos do escenario principal, con numerosas actividades de acceso libre ao longo de todo o día. Como novidade convoca a primeira gran Kazurrada colectiva, dirixida por Cé Orquestra Pantasma, unha concentración de virtuosos do kazú, que se van xuntar no festival para facer unha actuación conxunta. A convocatoria está aberta a todos os asistentes ao festival.

Como novidade engadida, o festival inaugura o Dub Corner, un novo espazo pensado e deseñado para amantes do reggae e xestionado por Máis Lume Kolektiv. Contará cun equipo de son artesanal ao estilo tradicional xamaicano. Por el pasarán dj’s especialistas nos ritmos máis animados e emblemáticos de Xamaica e ofrecerá tamén dúas actuacións en directo: a do vasco George Palmer, lírica fresca e explosiva, que fala de xente gozando na pista de baile; e o galego Crespo, un cantante que sorprenderá pola súa capacidade mnemotécnica.

Así mesmo, e por segundo ano, o Reperkusión ten preparada nova edición da Empolada, a festa máis salvaxe do festival, para elixir Rei Polo e a Raíña Pola entre todas as persoas con ganas de divertirse, de refrescarse, de pasalo ben e de converterse en aves de curral por un día. Para este tolo xogo a organización porá a disposición dos participantes 10.000 globos de auga, 500 quilos de fariña e confeti de plumas. O Polo de Cerimonias será de novo O Leo i Arremecághona. A cita é o sábado a partir das 17:30 h.

Ademais, concertos de balde e en horas temperá de La Patxaranga (venres, 20:30 h), que leva festa e alegría alá onde vai, viaxando polas músicas máis frenéticas do mundo; e Ménage à trois, que amenizarán a sesión vermú (16 h) do sábado, coa súa mestura de de sons procedentes do folk, a bossa, a rumba e o rock. Volverán tamén os obradoiros de circo, malabares e risoterapia, dirixidos a nenas, nenos e adultos (o sábado a partir das 12 horas).

[Fotografía cedida polo festival]