Varios centos de ourensáns secundaron a concentración de protesta convocada polo Comité de Defensa do Monte Galego baixo o lema “Lume, nunca máis”.
Sindicalistas, representantes de partidos políticos (agás o PP) e ducias de cidadáns de a pé concentráronse na tarde do xoves na praza Maior de Ourense, convocados polo Comité de Defensa do Monte Galego, tras unha pancarta na que se podía ler «Lume, nunca máis. O noso monte importa».
Pouco despois das oito da tarde, os organizadores da concentración deron lectura a un comunicado que, aínda que non se escoitou moi ben por problemas coa megafonía, pedía medidas para evitar que, verán tras verán, os montes galegos sigan ardendo. Unha lacra que xa calcinou neste 2015 6.500 hectáreas só na provincia de Ourense.
Manuel Gallardo Canitrot, membro do Comité de Defensa do Monte Galego, explicaba que con esta protesta pretenden reflexar «que os lumes son un mal endémico pero teñen solución, e hai fórmulas para que esas solucións se leven a cabo». En primeiro lugar, reclaman a apertura do Consello Forestal galego á sociedade «e que realmente sexa un foro de debate e de buscar solucións», apuntaba Gallardo Canitrot.
Tamén se refiren á necesidade de ordenar o monte e o medio rural. «Atopámonos con que cada día os incendios están máis preto da zona urbana e das casas porque o monte está invadindo precisamente ese espazo, que antes estaba cultivado. Iso é porque non existe unha política agroambiental onde se poida conservar e poñer en valor o rural», opinaba o integrante do Comité.
Entre as medidas propostas polo Comité de Defensa do Mone Galego están tamén a necesidade dun plan estratéxico de xestión do monte, a dotación de máis medios técnicos, humanos e económicos para a Fiscalía contra incendios, e a transparencia e rapidez no acceso á información sobre incendios.
No seu comunicado tamén esixen a investigación das causas dos incendios forestais aproveitando todos os recursos cos que conta a administración, a substitución inmediata dos medios e materiais obsoletos dos servizos forestais da Xunta, e o recoñecemento da categoría de bombeiro forestal.
Ven necesario que se incremente o investimento no sector forestal, rachando co círculo vicioso de «máis incendios, máis medios, máis incendios», poñendo en marcha unha política forestal «tendente a evitar que os incendios forestais se produzan para non ter que apagalos».
Petición de dimisións en Medio Rural
E finalmente piden a dimisión ou cese dos responsables da Consellería do Medio Rural porque «nos demostraron a súa insensatez e indolencia cos incendios forestais», desde a propia conselleira, ao secretario xeral de Montes e aos xefes de distrito. Para Manuel Gallardo, «dicir barbaridades como terrorismo xihadista (en referenza ás declaracións do alcalde de Xinzo tralo gran incendio forestal de Cualedro), é querer escorrer o vulto e non querer atopar solucións nin sentar a negociar». Neste sentido, desde o Comité criticaron que o PP é o único grupo do Parlamento galego que non os recibirá este venres. «Esta é a demostración palpable de que non lles interesa o monte galego nin a provincia de Ourense», rematou Gallardo Canitrot.