Francisco Conde visitou este venres as instalacións da compañía ourensá en San Cibrao das Viñas.
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou a Coasa como líder do aeronáutico galego, subliñando o compromiso claro desta empresa coa industria e o emprego en Ourense, así como a súa constante aposta pola innovación, que ten sido apoiada pola Xunta a través do programa Innterconecta.
Conde resaltou a competitividade internacional de Coasa dentro dun sector que en Galicia conta con máis de 20 empresas e organizacións certificadas, e sinalou que a Xunta está a traballar para impulsar tanto a aeronáutica tripulada como coa configuración dun polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados, avanzando así na diversificación industrial de Galicia.
Así mesmo, o conselleiro de Economía e Industria destacou que Ourense xoga un importante papel no desenvolvemento da aeronáutica en Galicia, tanto a nivel industrial como desde o punto de vista do coñecemento, coa implantación da titulación de enxeñaría aeronáutica.
Na súa visita ás instalacións de Coasa, Conde remarcou tamén a aposta da compañía pola fábrica intelixente, con desenvolvementos orientados cara a automatización e a robotización. Filial da multinacional Aernnova, consolidada como un dos dez principais provedores para os construtores de aeronaves do mundo, Coasa emprega a máis de 340 persoas en San Cibrao das Viñas, producindo distintos compoñentes para o maior avión fabricado polo construtor brasileiro Empraer, así como para os Airbus A330 e 340.
A compañía ourensá participará así mesmo na construción das portas de aterraxe e dos spares do estabilizador horizontal dos 250 A320 Neo encargados pola aeroliña india IndiGo. Coasa ten outros proxectos en marcha, como a fabricación dos aleróns do A380, o maior avión de pasaxeiros do mundo, e pezas para o A350.