Consolídase o horario de domingo ás 12:00 horas e engádese, desde outubro, a cita para nenos de 0 a 3 anos os primeiros venres de mes.
O Concello de Ourense vén de presentar a Programación Infantil do Auditorio Municipal ata final de ano. O programa, dirixido aos pequenos de 0 a 6 anos así como ás súas familias, comeza o 18 de setembro co espectáculo «Os Axóuxeres» (Elefante Elegante), e prolongarase ata o mes de decembro cun total de 21 funcións, ás que haberá que engadir as da MOTI. Como é habitual na programación infantil, a maior parte dos actos serán o domingo ás 12:00 horas, unha cita que xa é referente para moitos pais e nais, motivo polo que cada ano que pasa aumenta en número o público que asiste ao Auditorio. Desde outubro, ademais, incorporaranse á oferta funcións para bebés.
Belén Iglesias, responsable da área de Cultura, agradeceu o apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais, a Agadic, pola colaboración nestas actividades, pero tamén destacou “o labor do equipo da concellería, que fan que durante todo o ano teñamos unha programación cultural de primeiro nivel na cidade”. Neste sentido, e en palabras do técnico Manuel Freire, “podemos afirmar que Ourense ten a mellor programación infantil de toda Galicia”.
Así, podemos atopar obras gañadoras de premios en diferentes certames como «Luppo» (Baobab teatro), Mellor Espectáculo Familiar na Mostra de Teatro de Ciudad Rodrigo, unha das máis importantes do país, ou «El árbol de la vida» (Pata Teatro), gañadora dun premio Feten 2015 na Feira de Teatro de Xixón. Freire quixo destacar outro tipo de obras, “especialmente didácticas”, coma «A viaxe de Rosalía» (monicreques de María Larraitz).
Co obxectivo de consolidar aínda máis a oferta cultural no Auditorio, esta nova programación amplía o segmento de público ao que se dirixe, e desde outubro haberá tamén teatro para bebés (0-3 anos) todos os primeiros venres de cada mes. Estes espectáculos inscríbense dentro do programa Apego de socialización da lingua galega, do que o Concello de Ourense forma parte.
A titular de Cultura quixo tamén destacar, desde a súa faceta de concelleira de Educación, a importancia desta programación na fase glósico-motora (palabra e movemento) da infancia, así como “o fomento da comunicación familiar que provoca”, dixo.