A deputada popular Marisol Díaz Mouteira salientou que o ano pasado o Espazo Xove rexistrou «unha das mellores cifras en canto á afluencia de solicitantes e actividades programadas».
A deputada do PPdeG Marisol Díaz Mouteira defendeu na Comisión Institucional do Parlamento galego a utilización do Espazo Xove de Ourense, dependente dos servizos de Xuventude da Consellería de Traballo e Benestar, como “punto de encontro de toda a mocidade ourensá e que nos últimos tempos está máis aberto ao mundo xuvenil do que o estivera no pasado”.
No referente a actividade resaltou que nos últimos catro anos foi escenario de 3.057 actividades nas que participaron 428.910 cidadáns e no 2014 “rexistrou unha das súas mellores cifras en canto á afluencia de solicitantes e de actividades programadas, alcanzándose os 115.777 usuarios, fronte aos 73.795 do ano 2011, e se desenvolveron 670 iniciativas fronte ás 340 do 2011”.
Díaz Mouteira argumentou o rexeitamento do PPdeG a unha iniciativa da oposición que pedía eliminar as trabas burocráticas indicando que “ estas non existen e na actualidade e previa solicitude de calquera asociación ou persoa individual, todas as actividades resultan autorizadas, seguindo criterios baseados nos principios de obxectividade e igualdade”.
A deputada popular tamén argumentou o rexeitamento da “volta ao pasado” que significaría un consello de xestión xa que “a Xunta está a elaborar unha normativa con carácter permanente e homoxénea para todos os Espazos Xove, susceptible das modificacións ou adaptacións oportunas cando as circunstancias ou novas necesidades así o aconsellen”.
Por último, a deputada popular rexeitou as críticas a ubicación do Punto de Encontro Familiar, sito no primeira planta do Espazo Xove, xa que “é perfectamente axeitada ao non interferir no funcionamento ordinario, nin non desenvolvemento das actividades que organiza o propio centro”.
Ademais, engadiu, que “non consta ningunha queixa dos usuarios tanto do Espazo Xove como do Punto de Encontro Familiar, máis ben ao contrario constando a satisfacción das familias pola localización máis céntrica do servizo”.
Postura do BNG
Nesta comisión de política Institucional, a parlamentaria do BNG, Tereixa Paz defendeu unha Proposición non de lei destinada a restituír as funcións de coordinación e planificación “que durante máis de trinta anos” viña desenvolvendo a Casa da Xuventude de Ourense, a través dun consello de xestión e dunha presidencia elixida democraticamente.
A deputada explicou como o Goberno da Xunta “aproveitou a defunción do anterior director, Benito Losada, para cargarse un modelo de funcionamento que foi referente das casas de xuventude de Galiza e do resto do Estado”.
Paz recalcou que o nomeamento dunha coordinadora «que nunca existira constitúe colocar no centro unha comisaria política que ademais é a curmá do Presidente Feijóo nunha praza creada ad hoc”.
A nacionalista denunciou que esta persoa “fiscaliza, controla e restrinxe” as actividades do centro e a maiores o Partido popular acaba de consolidar a ubicación do punto de encontro nas mesmas instalacións. Para deputada do BNG, esta situación representa unha “auténtica aberración” como xa teñen denunciado a Plataforma en defensa da casa da xuventude e colexios profesionais de Educadores sociais e familiares.