Tanto o Cidade AS Burgas e o Ourense Envialia, en Primeira División, como o Sala Ourense, en Segunda B, debutarán nas súas respectivas ligas a vindeira fin de semana.

Antes, últimos test dos conxuntos ourensáns para apuntalar a preparación de cara a unha tempada que se presume complicada e apaixoante.

Primeira División
O Ourense Envialia xogou ante o Poio o pasado venres nos Remedios. O resultado foi de 5 a 3 para o equipo adestrado por Chipi.

O Cidade As Burgas disputou o trofeo «Cidade As Burgas» contra o Cidade de Pontevedra. O resultado de 12-2 reflexa a superioridade das pupilas de Manolo Codeso durante todo o encontro.

Segunda B
O Sala Ourense disputou o segundo partido da Copa Xunta contra o Riazor nos Remedios. Tras perder contra o Xove por 8-5, os ourensáns lograron unha clara vitoria diante do Riazor (equipo ao que gañaron no playoff de ascenso da pasada tempada) por un claro de 6-2.

A Liga
A vindeira fin de semana comeza o serio. Na Primeira División o Ourense Envialia visita ao Jimbee Roldán. O Cidade As Burgas recibe ao Futsi. O segundo clasificado da pasada campaña agarda, o sábado 19, na central dos Remedios (17 horas) ao campión.
O Sala Ourense inicia o seu periplo este ano en terras castelano leonesas diante do Universidad de Valladolid.