Os incendios que queimaron máis de 6.600 hectáreas na provincia este verán e os túneles do AVE, protagonistas por partida dobre, temas destacados en portada de Barrios setembro.

Xa está nas rúas de Verín, Xinzo, Allariz e Celanova o número do mes de setembro do periódico Barrios. Destacan en portada a imaxe que queda nos montes de Cualedro tralo gran incendio forestal deste verán, e a visita da ministra de Fomento ao túnel da Canda, apenas uns días antes de que un accidente laboral noutro túnel, o do Corno, se cobrara unha vítima mortal.


O inicio da vendima na DO Monterrei, as previsións da colleita de pataca na Limia, a dinamización turística de Allariz a través das súas feiras, ou a entrega do premio “Celanova, Casa dos Poetas” son outras das información destacadas.

No interior da publicación entrevistamos ao biker macedán Pablo Rodríguez, vixente subcampión do Mundo de BTT, e a novo deseñador celanovés Ismael Núñez, que hai unhas semanas presentaba a súa colección nunha pasarela na vila de San Rosendo.

O inicio do curso escolar para preto de 31.000 estudantes, os orzamentos de 2016 da Deputación de Ourense e a actualidade cultural e deportiva son outros dos referentes informativos da publicación, que pode consultarse on line aquí.