Proxectaranse na Casa da Cultura de Verín desde o día 19 de setembro até o domingo 22 de novembro.
A Casa da Cultura de Verín acollerá seis proxeccións da programación de Outono en Verín do circuíto de exhibición cinematográfica Cinemas de Galicia. Así o confirmaron a concelleira de Cultura, Emilia Somoza, e o Tenente de Alcalde, Diego Lourenzo, na presentación da programación cinematográfica que tivo lugar na casa consistorial.
A programación comezará o vindeiro sábado 19 de setembro, ás 20:00 horas, coa proxección da película galega «Encallados». Primeira longametraxe do director Alfonso Zarauza (Os fenómenos), «Encallados» é unha comedia, para maiores de 12 anos, sobre o cine dentro do cine que converteu ao director nun dos valores emerxentes máis atractivos da cinematografía galega.
O seguinte sábado día 26, á mesma hora, exhibirase o filme polaco «Ida». Con esta película, autorizada para maiores de 7 anos, o polaco Pawel Pawlikowsk obtivo este ano o Óscar á Mellor Película de Fala non Inglesa e o Premio Goya á Mellor Película Europea.
A programación do ciclo de películas para setembro e outubro rematará o domingo día 4 de outubro coa exhibición, ás 19:00 h, do filme, para maiores de 16 anos, «As altas presións». Premio á mellor película do Jurado Campus «Las nueva Olas» (Festival de Sevilla, 2014), este drama sobre o cine dentro do cine é un dos filmes máis salientábeis que se realizaron o pasado ano con Galicia como referencia.
En novembro, a Casa da Cultura acollerá o segundo ciclo da programación de Outono de Cinemas de Galicia. Comezará o sábado, día 7 ás 20:00h, coa proxección de «Le Week-End», película autorizada para maiores de12 anos. Esta comedia romántica inglesa obtivo a Concha de Prata ao mellor actor, Jim Broadbent (Óscar por Iris), no Festival de San Sebastián 2013.
O sábado seguinte, día 14, tamén ás 20:00 h, proxectarase a película «9 ondas». Finalista nos premios Mestre Mateo 2014 na categoría de longametraxe, o filme, para maiores de 18 anos, é unha indagación sobre a identidade a partir do concepto de fronteiras abertas e mutables.
Cinemas de Galicia 2015 rematará en Verín coa exhibición, o domingo día 22 ás 19:00 h, da película «Guillaume y los chicos, ¡a la mesa!» O filme, autorizado para maiores de 7 anos, gañou, entre outros, 5 Premios César da Academia de Cine de Francia, no 2013; e dous Premios da Quincena de Realizadores de Cannes (Francia), 2013, á Mellor Película da Asociación Internacional de Exhibidores (CICAE) e á Mellor Película da Asociación de Autores Franceses (SACD).
Todas as películas que se exhiben en Cinemas de Galicia teñen un prezo de entrada de 3 euros ao estar patrocinados en parte os custos de proxección pola Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e polos concellos que, como o de Verín, acollen esta iniciativa da Xunta de Galicia.
Cinemas de Galicia é unha rede de salas públicas para a exhibición cinematográfica impulsada pola Agadic coa finalidade de incrementar tanto o número de pantallas da Comunidade, como as opcións de distribución dos filmes galegos máis recentes.