O Concello comunicou o desexo de colaboración e pon a disposición as instalacións públicas que cumpran os requisitos esixidos para acoller aos refuxiados.
O Concello de Vilar de Santos non é alleo á situación que se vive en Europa, co maior movemento de persoas refuxiadas nos últimos anos. E por iso ofrece as instalacións públicas municipais que cumpran coa normativa para acoller persoas refuxiadas, «na medida das nosas posibilidades e capacidades, coa intención de ser un lugar de acollida».
Desde o Concello de Vilar de Santos opinan que nesta conxuntura, «as administracións públicas temos un importante papel na busca de alternativas a esta emerxencia humanitaria e reflicten o noso compromiso».
Neste sentido, en carta dirixida ao Ministerio de Asuntos Exteriores e á Federación Galega de Municipios e Provincias, que coordina as accións en Galicia, o Concello comunicou o desexo de colaboración e pon a disposición as súas instalacións públicas.
«É o momento de manifestar a nosa solidariedade, por iso reiteramos a nosa colaboración en todo aquilo que poida ser útil, e o noso compromiso de garantir a máxima coordinación e cooperación institucional a través dos servizos municipais para tratar de buscar solucións e axudar ante este drama humanitario de persoas que foxen debido á guerra», remata o comunicado do consistorio limiao.