O evento terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro, na praza da Mercé.
O tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo Moura, e o director de Adiccag (Asociación para a Divulgación da Cultura da Cervexa Artesá), Pablo Casanova, presentaron o programa do I Festival da Cervexa Artesá e de Artesanía Medieval, que se celebrará en Verín os días 18, 19 e 20 de setembro.
Diego Lourenzo comezou a súa intervención explicando que o Festival estará emprazado “nun dous lugares máis senlleiros do noso Concello, a Praza da Mercé”. Segundo o tenente de alcalde, esta iniciativa proposta por Adiccag é unha excelente oportunidade para “dinamizar a zona da Mercé e, ao mesmo tempo, poñer en valor os nosos produtos artesanais.”
Pola súa banda, Pablo Casanova quixo agradecer ao Concello de Verín a colaboración e a súa total implicación na organización do evento. Acto seguido, o director de Adiccag explicou que no Festival estarán presentes oito fabricantes de cervexa artesá: Cervexas Aurium (Ourense), Lendas (Tomiño), Galponbier (Vilanovade Arousa), Bubela (Lugo), Menduiña (Cangas de Morrazo), Vacaloura (Nigrán), Monte Rei (Monterrei) e Chopps (Laza). “Todas elas son marcas galegas”, explicou Casanova, “pertencentes a mozos emprendedores que viven con moito entusiasmo a fabricación da cervexa, cada unha ten uns métodos propios de fabricación para obter uns resultados característicos propios”.
Casanova quixo facer especial fincapé en que o festival contará con máis dunha vintena de postos de artesanía medieval entre os que haberá artesáns da comarca de Verín. En canto ás actuacións musicais, o venres, a partir das 20:00 horas, o grupo de Allariz “Jenni e Nico” amenizará o festival e o sábado, á mesma hora, os asistentes gozarán coa actuación, do grupo de Monterrei, “Nova Era”.
A entrada ao festival é gratuíta e as cervexas artesás terán un prezo popular de 2 euros a caña. Tamén estarán dispoñibles botellas e packs para a venda. Durante o festival haberá un percorrido cervexeiro no que se lle entregará ao participante unha papeleta con 8 espazos que irá cubrindo cos selos dos 8 fabricantes cervexeiros. Os participantes terán os 3 días para completar a papeleta e, o domingo ás 21:00 horas, realizarase un sorteo entre todos os participantes que achan completado o cartón no que se lle entregarán 8 packs de cervexa.
O sábado, ás 23:30, sortearanse multitude de sobres con ordes de compra achegados polos comercios de Verín que “co seu gran esforzo” aclarou Casanova, “doan os establecementos de Verín para axudar a que este evento vexa a luz e, ao mesmo tempo, promocionar os seus negocios”.
Outra das actividades do festival será o curso de elaboración de cervexa artesanal que se impartirá na carpa da cervexa o domingo ás 18:00 horas. Neste curso, realizarase unha explicación teórica da forma de fabricar cervexa e resolveranse as dúbidas dos asistentes. Para finalizar entregaráselle a cada participante unha ficha para que poida repasar en casa.