Barquero

O líder socialista José Ángel Vázquez Barquero acusou ao rexedor popular de claudicar fronte a outras administracións gobernadas polo PP.

 

O voceiro do PSOE no Concello de Ourense, José Ángel Vázquez Barquero, fixo este venres unha valoración dos 100 días de goberno de Jesús Vázquez á fronte do consistorio ourensán. Tres meses en que, a xuízo dos socialistas, o Goberno municipal popular e o alcalde estiveron instalados “no márketing político, na viaxe institucional de aquí a Madrid e de Madrid aquí, na apropiación dos proxectos do anterior goberno e na claudicación fronte aos intereses políticos do PP, esquecendo en todo momento os intereses da cidade e dos veciños”. Desta maneira Vázquez Barquero definía unha etapa que para el deixa claro “que o actual alcalde nin ten proxecto de cidade nin ten o liderazgo suficiente dentro e fóra do seu partido para afrontar os grandes retos da nosa cidade”.

“Claudicación”
En particular, o socialista referiuse á “claudicación” de Vázquez Abad fronte ao resto de institucións gobernadas polo PP. No caso da Administración central, “porque seguen impoñéndolle a esta cidade coa connivencia do alcalde a parálise absoluta da estación intermodal” e “porque seguen a pospoñer sine die o bulevar termal”. No caso da Administración galega, “porque o alcalde está mudo e inmoble fronte á paralización do proxecto do Centro de Interpretación do parques naturais de Eirasvedras, parálise que está a poñer en risco unha importante subvención económica que chegou da UE”. A este respecto, o alcalde constestou que as obras non se poden retomar debido a que a infraestrutura se atopa en zona inundable. E ante a Deputación de Ourense, porque, segundo Barquero, desde esta institución “lle impoñen ao alcalde o xestor do novo planeamento urbanístico, e lle impoñen a decapitación da portavocía do seu goberno”.

“Apropiación” de proxectos socialistas
Barquero tamén acusou a Jesús Vázquez de “apropiarse” dos proxectos e iniciativas do anterior Goberno municipal, coma a instalación do ascensor e do novo pavimento da Praza de Abastos nº1, a consecución da subvención do 1,5% Cultural, as axudas a colectivos sociais e para libros de texto, material escolar e comedor, ou o Plan de Emprego levado a cabo coa Cámara de Comercio “xa anunciado por min mesmo na primavera pasada”, apuntaba o político socialista.

Proxectos sen rematar
E finalmente, o líder do PSOE criticoulle ao rexedor popular que non rematara proxectos iniciados polo Goberno socialista, como a apertura de La Molinera ou da Praza de Abastos da Ponte, a aprobación da ordenanza de veladores, o concurso para arranxar os contedores soterrados, ou o expediente para arranxar a rúa Concello. En resposta, Jesús Vázquez dixo que lle costaba “asumir a incongruencia da clase política”. Así, reprochoulle a Barquero o feito de “saír de estar gobernando unha cidade, de deixar unha cidade con múltiples problemas, e nunha rolda de prensa poder acumular en 20 minutos todos os problemas destes 8 anos”. “Non podemos pretender que todos os problemas desta cidade en varios lustros se poidan resolver en dous ou tres meses”, concluiu o alcalde.