Incorpora novidades como relaxación mental, costura básica, ximnasia abdominal e ioga en familia.
A Concellería de Asuntos Sociais do Concello de Ourense pon en marcha o programa de cursos e obradoiros para persoas de tódalas idades que se desenvolverá nos centros cívicos municipais, sitos na rúa Colón, A Cuña, A Ponte, As Termas e Seixalbo. A oferta conta cun total de 34 cursos para adultos, no que se dá continuidade ás actividades máis demandadas realizadas o ano pasado e se incorporan novidades como técnicas de relaxación (Mindfulness), costura básica ou ximnasia abdominal. Tamén comezará este ano “Ioga e relaxación en familia” dirixida neste caso a pais e fillos de entre 12 e 17 anos, para fomentar que as familias se relacionen fóra do seu ámbito cotián.
A Concellería de Asuntos Sociais reforza así a oferta deste programa de actividades, coa previsión de chegar a 1.500 participantes.
Cada centro cívico ten a súa propia programación: 8 cursos en Colón, A Ciuña e A Ponte, 6 en As Termas e 4 en Seixalbo. En tódolos centros haberá cursos de Iniciación á informática e Internet (50 horas) e Ioga, e cada un deles terá propostas específicas, nas que se integran actividades como Ofimática e seguridade en Internet, ximnasia abdominal hipopresiva, baile de salón, en diferentes niveis, bailes latinos, ximnasia, técnicas de relaxación, obradoiro de costura básica e curso de manualidades.
Os cursos serán gratuítos e o único requisito é estar empadroado no concello de Ourense. As persoas interesadas poden recoller as solicitudes nos centros cívicos, na oficina de Atención Cidadá e nas oficinas de Benestar Social, e presentalas, do 21 ao 28 de setembro, acompañadas de fotocopia do DNI ou o volante de empadroamento, indicando as tres actividades favoritas por orde de preferencia.
Actividades para nenos
A rede de centros cívicos municipais tamén ofertará un ano actividades para nenos, axundando á conciliación da vida familiar e laboral.
A oferta inclúe dúas propostas: actividades infantís polas tardes, de luns a venres, de 17:30 a 20:00 horas, para nenos e nenas nacidos entre 2007 e 2012, e os sábados, para escolares de Infantil e Primaria, de 10:30 a 13:00 horas, nos cinco centros cívicos: Colón, A Cuña, A Ponte, As Termas e Seixalbo. Prevese que participen sobre 400 escolares.
Neste caso, pódese solicitar sen data límite sempre que haxa prazas dispoñibles.