A finais de agosto iniciouse a recolección de uva utilizando unha novidosa app para o control de vendima.

 

O presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Miguel Ángel Viso Diéguez, xunto co presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar Blanco, veñen de presentar a aplicación para realizar o control e certificación de vendima, desenvolta dentro do Sistema de Xestión Integral Automatizado e de alta mobilidade para o Consello Regulador e o seu Órgano de Control e Certificación, proxecto financiado pola Deputación cun investimento de 50.000 euros, que introduce ao Ribeiro nas novas tecnoloxías e dota a esta entidade dunha alta efectividade no garante da calidade dos seus viños dende a viña ata o mercado, tal e como queda reflectido nos obxectivos do Plan Estratéxico 2014-2016.

Deste xeito, os datos sobre a vendima 2015 da D.O. Ribeiro serán procesados e actualizados minuto a minuto grazas á nova aplicación que todos os inspectores posúen nas súas tablets, de xeito que os controis de vendima dos inspectores que verifican as entregas realizadas nas distintas adegas verase moi axilizado, ao envorcarse os datos na nube de información que a posteriori pasarán ao servidor do Consello Regulador e na web, tendo desta maneira acceso aos datos de inmediato.

Este sistema de xestión integral automatizado é unha ferramenta que engloba, sistematiza e coordina todos os procedementos do sistema de calidade en tempo e forma. Así mesmo, é un importante instrumento para as adegas, facilitándolle información constante de datos cualitativos, cuantitativos e de trazabilidade do seu produto, permitindo dese xeito a comparativa obxectiva e mellora constante do mesmo. A súa vez convertese nun escaparate dos viños da D. O. Ribeiro, aportando transparencia e un maior garante de calidade e orixe ante o consumidor.

O desenvolvemento técnico foi un proceso de 14 meses de plausabilidade operativa do deseño, produción, proba e implantación, no que o C.R.D.O. Ribeiro contou cos servizos da enxeñería galega I3Te, a cal desenvolveu con éxito a novidosa aplicación, única no mercado.

Vendima 2015
Actualmente a vendima estase presentando como unha das mellores dos últimos anos, equilibrada en cantidade e cunha maduración e sanidade exquisitas. Levan recollido un 12% dos 14 – 15 millóns de quilos de uva que estiman recepcionar, o que os sitúa na media da DO e que supón un aumento do 25 % con respecto á anterior colleita.