O alcalde recorda que a súa obriga é aprobar un Plan Xeral definitivo que dea seguridade xurídica.

O Concello de Ourense defenderá a constitucionalidade do artículo 96 da LOUGA que permitiu aprobar as normas urbanísticas transitorias. Así, en canto reciba requerimento oficial do TSXG, a asesoría xurídica municipal presentará alegacións defendendo “que esas normas provisionais eran perfectamente legais e conforme ao ordenamento xurídico”, explicou o alcalde, Jesús Vázquez.

Vázquez non quixo ver coma “un balón de osíxeno” a decisión do TSXG de presentar unha cuestión de inconstitucionalidade da LOUGA, recordando a “provisionalidade” destas normas transitorias. O primordial, entende, é aprobar “canto antes” o novo PXOM. “A obriga é sacar un plan xeral definitivo e que dea seguridade xurídica a todos os inversores”, dixo, pero non quixo poñer prazos. O rexedor é consciente de que precisa contar coa oposición para sacar adiante o novo planeamento: “o PXOM require da aprobación pola maioría do pleno e polo tanto dunha negociación moi intensa con todos os grupos, é un traballo moi difícil de cuantificar en termos de tempo”. Con todo, agarda que este sexa unha realidade antes de 2017.

Desde o PSOE ven o anuncio do TSXG de maneira ben diferente. “Política e institucionalmente isto é un varapalo para a cidade e pon nunha situación incómoda ao noso alcalde que foi un dos muñidores desta ordenación provisional”, dixo o seu voceiro. José Ángel Vázquez Barquero referíase ao feito de que Jesús Vázquez era conselleiro da Xunta cando esta aprobou as normas transitorias.

Barquero quixo ver na decisión do TSXG un referendo ás teses socialistas, que alertaban do risco de incluir ámbitos privados na ordenación provisional. O caso é que o alto tribunal non entrou a valorar este aspecto, senón que só cuestiona un artigo da LOUGA (a lei que permitiu aprobar as normas provisionais), en canto que omite un trámite de información pública e pode estar en contradición coa Lei estatal do Solo e infrinxir a propia Constitución.