Comezaron este 21 de setembro dende o Cebreiro e agardan chegar a Compostela o día 27. Van acompañados de tres voluntarios e dous técnicos da AECC.
Este 21 de setembro un grupo de pacientes e voluntarios da Asociación Española Contra o Cancro de Ourense inician o Camiño de Santiago, partindo do Cebreiro. Trátase de 10 persoas diagnosticadas de cancro a tratamento activo, tres voluntarios e dous técnicos da AECC Ourense que percorrerán en sete días os 154 quilómetros.
O día 21 irán do Cebreiro a Tiracastela, o 22 chegarán a Sarria, o 23 a Portomarín, o 24 a Palas de Rei, o 25 a Arzúa, o 26 ao Pino (Pedrouzo) e o 27 teñen prevista a súa chegada xunto o Apóstolo.
É unha iniciativa chea de motivacións que van desde cumprir un soño pendente desde hai anos, compartir esta experiencia con outras persoas ou como reto persoal. Un camiño cargado de optimismo, compañeirismo e ilusión.
A idea xurdíu do propio grupo, que se coñeceron nunha das actividades desenvolvidas pola asociación durante este ano. Desde a AECC de Ourense, coñecedores dese interese individual e grupal por facer o Camiño, proporcionóuselles todo o apoio para que a actividade se levase a cabo, e encargáronse da súa organización. “Son un exemplo de superación e apoio para outras persoas que están a pasar por un diagnóstico oncolóxico”, explican dende AECC.